| |
ENTREVISTA |
|
| |
EMILIO PÉREZ TOURIÑO,
Presidente da Xunta de Galicia |
|
| |
“O esforzo do meu Goberno vai encamiñado a convertir a crise nunha oportunidade para Galicia”
Nunha época como a que vivimos, as persoas divídense entre as catastrofistas e as que ven a crise como unha oportunidade. O presidente da Xunta pertence a este segundo grupo, e ten claro que os seus esforzos, reflictivos nos Orzamentos, van dirixidos á protección social e a reactivación económica, “pois a primeira non é posible sen a segunda”. Emilio Pérez Touriño quixo debullar para Empresa y Finanzas, con motivo do seu primeiro aniversario, as claves da economía galega.

> Carla Vidal
Nun ano, a situación da economía gallega cambiou radicalmente. Pese a todo, seguimos tendo mellores cifras que o conxunto de España. Cómo podemos aproveitar esta vantaxe?
Galicia non é allea á crise que afecta a todas as economías mundiais e a España. Pero Galicia está resistindo mellor esa crise, tal e como atestiguan todos os indicadores e, aínda neste momento, seguimos a crear emprego, como se verifica nos últimos datos pu-blicados da Enquisa de Poboación Activa.
O esforzo do Goberno que presido vai encamiñado precisamente a converter esta crise nunha oportunidade para Galicia. E estámolo a facer concertadamente con empresarios e sindicatos, no marco do proceso de Diálogo Social iniciado nesta lexislatura.
O fundamental deste proceso é a aposta por profundizar nun novo modelo de desenvolvemento económico que se basea na educación e a innovación, na compe-titividade, na diversificación e na internacionalización do noso tecido produtivo. Cara aí diriximos o esforzo orzamentario, sen esquecer as medidas de protección para os traballadores que queden sen emprego, obxectivo prioritario do Goberno que presido.
A Xunta de Galicia ven de aprobar uns Orzamentos para o ano 2009 moi austeros pero que, con todo, apostan claramente pola produtividade. Que tipo de medidas adoptanse para poder manter o tecido empresarial galego?
Os Orzamentos, efectivamente, teñen dous piares básicos: a protección social e a reactivación económica, pois a primeira non é posible sen a segunda. As medidas que adoptamos son as medidas pactadas con empresarios e sindicatos no Acordo pola Competitividade, ao que imos destinar neste ano 2.289 millóns de euros, é dicir, o 30% do investimento previsto para todo o período de vixencia do plan, superando as previsións orzamentarios en cada un dos cinco eixes de actuación.
O Goberno galego está afrontando a crise desde a iniciativa. Neste ano, temos facilitado o financiamento das empresas inxectando 496 millóns de euros en axudas e subvencións que se teñen traducido nun investimento asociado de 1.345 millóns de euros. Temos en marcha un plan de dinamización que leva licitado obra pública por importe de 1.200 millóns de euros. Temos negociado créditos do Banco Europeo de Investimento por importe de 200 millóns de euros e unha nova liña de avais por importe de 500 millóns de euros que acabamos de asinar coas entidades financeiras. A previsión é que para o ano 2009 disporemos de financiamento, de apoio ás empresas por un volume de 2.000 millóns de euros que nos deben permitir mobilizar, apoiar proxectos de investimento que deben superar os 3.100 millóns de euros no ámbito da comunidade.
Todas estas liñas, e outras como os incentivos de 10.000 euros para a contratación de parados, demostran que a Xunta de Galicia está a facer fronte á crise da man de empresarios e sindicatos.
Enlazando con este tema, é importante destacar a actual situación do sistema financeiro galego. Cre que os bancos e caixas da nosa comunidade atópanse en condicións de afrontar a crise? De que forma pode axudarlles o Goberno que vostede preside?
Os bancos e caixas da nosa comunidade gozan dunha solvencia acreditada. O Goberno que presido e as institucións financeiras do país mateñen unha colaboración frutífera para os intereses de Galicia, como se demostra na recente sinatura do acordo para avaliar os investimentos das pequenas e medianas empresas.
Falando do sistema financeiro, non podo evitar preguntarlle de novo sobre a posible fusión das dúas caixas galegas. Aínda que xa o descartou fai uns días, mantén esta postura mesmo a longo prazo, se se prolonga esta etapa de recesión?
Non quero contribuír a alimentar un debate que está fóra de lugar no contexto actual. Dixen, e reitéroo, que non é algo que estea na axenda. A fusión das caixas, de chegar a producirse, debe xurdir por decisión das propias caixas, pola propia dinámica do mercado. Con todo, non é malo para Galicia que exista unha sana competencia entre dúas grandes entidades como son Caixa Galicia e Caixanova.
En moitas zonas do mundo que sufriron crises económicas, as empresas optaron por diversificar. Diría que en Galicia o futuro pasa por impulsar sectores como o das TIC ou as enerxías renovables?
Indubidablemente, son dous sectores fundamentais para a economía galega, no que nos estamos posicionando á vangarda e polos que aposta decididamente o Goberno que presido.
Como sabe, a Xunta de Galicia ten en plena execución dous planos, o de I+D+i e o da Sociedade da Información, que suman un investimento conxunto de 1.600 millóns de euros, dos que actualmente estamos a recoller os primeiros froitos. Así, o emprego no sector das TIC medrou un 35,8% nos dous últimos anos (pasando de 11.500 traballadores no primeiro trimestre de 2006 a 15.700 no mesmo período de 2008) e o número de empresas do sector das TIC aumentou tamén un 27,5% entre 2004 e 2007, chegando ás 1.500 empresas. Hai que dicir que os servizos da Sociedade de Información en Galicia achegan máis de 1.500 millóns de euros e representan o 11,5% do volume de negocio do sector servizos da nosa comunidade. Así mesmo, temos incrementado un 112% o orzamento global en I+D+i entre 2005 e 2008 e só en dous anos, 8.000 investigadores e tecnólogos traballaron na realización de proxectos de I+D+i e deles, arredor de 5.000 desenvolveron o seu labor no sector produtivo.
En canto ao sector das renovables, no Plan enerxético galego fai unha aposta diáfana por este sector. Para que nos fagamos unha idea, o noso obxectivo é que o 95% do consumo eléctrico sexa cuberto con fontes renovables no ano 2012. Para logralo, temos en marcha un concurso eólico de 2.325 MW que nos vai permitir chegar ao obxectivo de 6.500 MW no 2012, ou o plan de aproveitamento enerxético da biomasa forestal ou os proxectos de produción de biodiésel e de paneis solares implantados nesta lexislatura en Ferrol ou en Ourense, por poñer algúns exemplos.
Respecto das enerxías renovables, agora que se van a regular as concesións eólicas, haberá “tarta” para todas as empresas que se van a presentar? Quen terán prioridade?
Hai un concurso en marcha que, por vez primeira, se fai desde a transparencia, coñecendo as empresas cales son os criterios obxectivos de adxudicación dos megavatios sacados a concurso. Inevitablemente, haberá empresas que queden fóra do reparto por canto que a demanda é moi superior á oferta. Con todo, o importante é que a cidadanía galega vai, por vez primeira, non só a non sufrir o impacto da instalación dos aeroxeneradores, senón a obter un beneficio directo da produción eólica. A prioridade é a cidadanía.
Volvendo aos Orzamentos, esta vez os nacionais, aínda que desde a Xunta de Galicia insisten en que a Alta Velocidade estará concluída en 2012, os informes dos enxeñeiros aseguran que é materialmente imposible, aínda traballando día e noite, sobre todo en tramos como a conexión coa Meseta...
Gustaríame que neste asunto non se falara á lixeira, que se fora prudente e, sobre todo, serio. Non pode ser que un día sí e outro tamén desde a dereita se intente boicotear o que debera ser un obxectivo de país. Quen lle fala, desde a Presidencia da Xunta, marcou como obxectivo irrenunciable a chegada do AVE no ano 2012. E o que era un obxectivo practicamente inalcanzable polo estado do proxecto tras oito anos de abandono de gobernos do PP, hoxe é unha realidade en marcha, con obras, con orzamentos e con compromisos férreos e reiterados tanto polo presidente da Xunta, como pola ministra de Fomento e o presidente do Goberno de España.
Insisto, é probable que ao PP e ao señor Feijóo, que veñen de presentar unha emenda aos PXE para que se reduza á metade a dotación económica para o treito Lubián-Ourense, non se lles poida pedir que apoien o proxecto. Non obstante, gustaríame pedirlles que, polo menos, non o obstaculicen.
Existe un compromiso suscrito e reiterado polo presidente do Goberno de España de que o AVE a Galicia vai estar no 2012. Os orzamentos fano posible, desde a miña chegada ao Goberno da Xunta, o Estado está a destinar anualmente o 8% do investimento territorializado a Galicia. Este ano son máis de 2.000 millóns de euros. Temos os recursos, poñámonos a traballar xuntos, non obstaculicemos, e o AVE será unha realidade nos prazos comprometidos.
Ante a crise, como valora medidas como a de conxelar o soldo dos deputados?
Creo que son medidas que transmiten unha mensaxe positiva á cidadanía, de austeridade. Obviamente, faise moita demagoxia ao respecto, algo que é lamentable, pero considero que é de recibo que nun momento no que o emprego se estanca, no que moitas familias teñen dificultades para afrontar os pagos da hipoteca, que os políticos transmitan unha mensaxe de contención, de austeridade.
E que opinión merécelle a polémica de se os deputados deben ou non ter dedicación exclusiva?
Insisto, debemos evitar a demagoxia en certos asuntos porque só contribúen a desprestixiar a percepción que a cidadanía ten da política. Non creo que os deputados deban ter a obriga legal de estar dedicados en exclusiva á actividade política. Existen mecanismos suficientes para controlar que as actividades que exerce un deputado, ademais da política, non colisionen con esta función, a través das normas sobre incompatibilidades ou dos rexistros de intereses e de bens patrimoniais.
Por último, cre que, tras un ano no mercado, Empresa y Finanzas está a lograr o seu obxectivo de defender os intereses económicos de Galicia?
Considero moi positivo o traballo desenvolvido por publicacións como Empresa y Finanzas, que contribúen de xeito notable a un mellor coñecemento e comprensión da economía galega e dos seus actores. Por iso, animo á súa dirección e traballadores a perseverar neste camiño, desde a veracidade e o rigor. |